GUÍA RÁPIDA DE PREVENCIÓN, DETECCIÓN E TRATAMENTO DO CIBERACOSO

Resumo do Protocolo de prevención, detección e tratamento do ciberacoso

Definición
Enténdese ciberacoso como aquelas situacións de acoso escolar nas que se empregan como medio as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
Se comparamos isto con casos típicos de acoso escolar, apréciase que , por unha parte, o ciberacoso non supón agresións físicas, pero, por outra, ten moito máis alcance tanto na dimensión espacial coma na temporal, cunha continuidade que pode ser permanente e non limitada ao horario escolar.
Lexislación
Coa Lei 4/2011 do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, abórdase no plano lexislativo o tratamento de situacións de acoso.
Prevención
Os profesionais do ensino deben estar atentos á maneira en como utilizan eles mesmos os medios informáticos e coñecer o funcionamento das novas tecnoloxías co fin de saber guiar o alumnado e aconsellar as familias.
Danse a continuación algunhas recomendacións con fin de prever situacións de ciberacoso:
·         Aplicar medidas de seguridade nos equipos informáticos escolares: controlar o software instalado, as contas de usuario, o almacenamento de documentos, quen utiliza os equipos en cada hora, etc.
·         Establecer normas de uso dos equipos na aula: definir que pode e que non pode facer o alumnado, como debe organizar o seu material, respectar o material doutro alumnado, onde pode ou non pode acceder, etc.
·         Empregar sistemas de control e filtrado: facer revisións periódicas, monotorizar os equipos do alumnado mentres traballan (co seu coñecemento), filtrar e bloquear páxinas, contidos ou programas non desexados, etc.
·         Realizar un uso didáctico e controlado das redes en sentido positivo, como actividade, incluíndo as boas prácticas, a seguridade e a prevención como contidos.
·         Detección de problemas: documentos sobre a sintomatoloxía dos problemas e estar atento a calquera indicio de ciberacoso ou malas prácticas.
·         Evidentemente, en aulas que son utilizadas por varios grupos de alumnado, debe haber unha boa coordinación entre o profesorado en canto a normas e medidas.



Criterios de identificación (ou detección)
O ciberacoso carecterízase polos seguintes aspectos:
·         A situación perdura no tempo. Quedan excluídas as acción puntuais que, aínda que puidesen ser un delicto, non constitúen ciberacoso.
·         Adoita existir contacto ou relación previa no mundo físico entre vítima e persoa ou persoas acosadoras.
·         Existe intención de causar dano, aínda que non sempre se dá nos primeiros estadios do proceso.
·         Realízase mediante o emprego de medios TIC. Pode tratarse de internet ou calquera dos servizos asociados: teléfono móbil, redes sociais, plataformas de difusión de contidos, foros, blogs,…

Protocolo de actuación
Ante situacións de ciberacoso aplicarase o protocolo de acoso escolar que se desenvolve nas seguintes fases:
Primeira fase: Coñecemento da situación. Identificación e comunicación
1.1.Comunicación á dirección e rexistro desta comunicación (Anexo 1)
1.2.Medidas urxentes de protección á presunta vítima
1.3.Designación de un responsable de atención á presunta víctima(Anexo 2)
1.4.Comunicación ás familias do alumnado implicado(Anexos 3 e 4)
1.5.Designación dun responsable das averiguacións previas (Anexo 5)
1.6.Comunicación a outros profesionais educativos e/ou axentes externos(Anexo 6)
Segunda fase: Recollida de información e rexistro
2.1.Entrevista individual á presunta vítima (Anexo 8)
2.2.Entrevista á/s persoas/s presuntamente responsable/s (Anexo 9)
2.3.Entrevista ás persoas observadoras/ espectadoras (Anexo 10)
2.4.Entrevista ás familias implicadas (Anexos 11 e 12)
2.5.Solicitude de asesoramento e/ou apoio técnico
2.5.1. Departamento de orientación (Anexo 13)
2.5.2. Outros profesionais educativos e/ou axentes externos (Anexo 14)

Terceira fase. Análise da información e adopción de medidas (Anexo 15)
3.1.Adopción de medidas educativas: Protección e apoio á presunta vítima e outras medidas dirixidas ó alumnado, familia e equipo docente (Anexo 16)
3.2.Medidas reeducadoras para a/s persoa/s agresora/s
3.3.Apertura de expediente (se procede).
Cuarta fase. Seguimento e avaliación das medidas adoptadas (Anexo 16)
4.1.Medidas.
4.2.Grao de consecución.
4.3.Avaliación.

Ademais teranse en conta as seguintes particularidades específicas do ciberacoso:
·         É imprescindible conservar as probas do ciberacoso durante todo o tempo, sexa cal fose a forma na que se manifeste. Para esta conservación poderán capturarse pantallas en modo de imaxe e vídeo, imprimir páxinas, copias, ficheiros… aspecto que deberá realizarse antes de iniciar calquera actuación coa posible persoa/s agresora/s.
·         Tratar de identificar as posibles persoas autoras do ciberacoso (atopar o seu enderezo IP, acudir a especialistas informáticos e ás forzas e corpos de seguridade do Estado), pero, en todo caso, sen lesionar os dereitos de ningunha persoa.
·         Contactar coa compañía do medio empregado para cometer o acoso (compañía de teléfono, propietario do dominio ou sitio web) coa finalidade de coñecer o procedemento que cómpre seguir para obter a información necesaria.
·         Se é o caso, denunciar o acoso ás forzas e corpos de seguridade do Estado que dispoñen de unidades de delictos informáticos.
·         Todas estas accións estarán enmarcadas na máis absoluta discreción e confidencialidade.



Comentarios

Entradas populares